Wednesday 15 de May de 2024

O Concello reedita neste mes de agosto “Miúdo Verán”, con teatro, cine, música e maxia


Dirixidas a un público familiar, as propostas celebraranse todos os xoves

O Concello de Neda activará este ano unha nova edición do programa “Miúdo Verán”, e esta mañá avanzaba as propostas que se inclúen no cartel. Regresará con teatro, música, maxia e cine, coa elección
descentralizada dos escenarios, como é a súa filosofía. O programa conta co patrocinio do programa Cultura no Camiño da Consellería de Cultura.

Así, arrancará este xoves 3 de agosto no parque do Principiño, co espectáculo de títeres “The Show Moscón” da compañía Galitoon”. Á semana seguinte, xoves 10, o paseo marítimo de Xuvia albergará o concerto de Os Xabatos, liderado por Juanillo Esteban, a mítica voz de Xabarín. O xoves 17 o programa trasladarase ao campo dos Subarreiros, onde o mago Martín Camiña ofrecerá o seu espectáculo “Ilusións sen azucre industrial”. Finalmente, o xoves 24, proxección de “Tadeo Jones” na pista deportiva de Casadelos. As tres primeiras actividades comezarán ás 20:00 horas, namentras que a última celebrarase ás 22:00 horas. En todos os casos, con entrada libre e de balde.

AS PROPOSTAS
“The Show Moscón” é o novo espectáculo de monicreques de Galitoon, unha compañía con case que 15 anos de traxectoria, que neste traballo rende homenaxe ás diferentes escolas e técnicas de manipulación, aprendidas ao longo deste tempo e empregadas nos seus diferentes espectáculos de teatro e televisión.

É un circo de de títeres ambulante de “varietés”, presentado por un moscón gordo e rollizo. Un marabilloso circo, representado por un armario que abre as súas portas para mostrar os diferentes números que garda no seu interior. Así, o público poderá desfrutar de verdadeiras divas da canción, absurdos números musicais, espeluznantes magos e mentalistas, incribles bebés equilibristas, marabillosos números de danza e un sin fin de humor…

Os Xabatos versionará os grandes éxitos do pop-rock galego para o público infantil. A banda está integrada por Juanillo Esteban, a mítica voz de Xabarín dende 1994 (voz, ukelele e guitarra); Fernando Esclusa (guitarra e coros); Javier Vaamonde (baixo e coros), e Alberto Dopico “Delpi” (batería). Ofrecerán unha viaxe sonora pola historia das mellores cancións de pop-rock compostas orixinariamente en galego, e a rapazada poderá así coñecer aos artistas que abriron camiño compoñendo música moderna no noso idioma. Entre eles, Andrés do Barro, Os Resentidos, Siniestro Total, Aerolíneas Federales, Heredeiros da Cruz, Víctor Coyote, Os Diplomáticos de Monte Alto…

Pola súa banda, Martín Camiña ofrecerá unha obra máxica con ilusións sen zucre industrial, conservantes nin colorantes. Un espectáculo de ilusionismo sen edulcorar, humor e participación do público.

Finalmente, “Miúdo Verán” volve a apostar polo cine, e tras o ciclo celebrado en xullo, programarase unha nova sesión cinematográfica para poñer o broche de ouro ao programa. Será coa terceira entrega de ”Tadeo Jones”. Un filme de animación co arqueólogo máis aventureiro como protagonista dos enredos máis disparatados.